We've updated our Content Guidelines.
Review the latest guidelines to keep sharing stories safely.

Herba carmesí

2 0 0
                                        

Estaba moi canso. O soldado quitou o casco e sentou na herba, dende aquel prau podía ver as aforas da cidade: os edificios grises erguíanse de forma rectangular cara o ceo, as luces douradas e escarlatas dos coches palpitaban intermitente a través das borrosas rúas e os postes eléctricos que parecían xigantes de brazos estendidos prolongábanse a través da fina fronteira que separaba a urbe do campo. O ceo, entre áureo e lila, contribuía a fortalecer o sentimento de melancolía que lle agromaba no peito. Dirixiu a vista cara un piñeiro que se atopaba a súa mau esquerda, as bágoas silenciosas comezaron a esvarar debilmente pola súa pel, coma un río sen forza que segue o seu leito por deber. Detrás del permanecían como lembranzas do pasado vellas casas de pedra, cuxos cascallos abandonados negábanse a desfacer a estrutura dos esquecidos fogares. Rozou a herba coa mau dereita e por un intre sentiu un forte alivio, xa non lle latexaba a cabeza coas cavilacións sobre a eternidade e a patria. Comezou a respirar con calma, absorbendo lentamente a viruxe do inverno, desabrochou a camisa e deixou o peito ao descuberto para sentir o suave ar impactarlle na pel. A súa mente estaba serena, xa non lle tremía o pulso e sabía ben o que debía facer, a súa misión fracasou, a súa vida pechábase agora como os pétalos dunha flor ante a chegada do inverno. Coa mau dereita agarrou a súa pistola, con tanta forza que deixou marcas nos dedos, achegouna a súa cabeza e antes de facelo berrou, como unha consigna sagrada, a última frase dunha carta de despedida: "Saúde e terra!", sentiu máis dor polo seu país que pola chegada da morte. Croaron os corvos, un golpe seco impactou na herba e un rego de sangue avanzou como un río cara o piñeiro, fluíndo cun bisbar que só as plantas entenderon.

A sirena da policía alertou ás poucas horas do achado do corpo, cando a Lúa facía brillar un rego escuro que se estendía pola herba como un río sen forza que desembocaba no piñeiro. Enterrárono no panteón familiar da súa aldea natal e escribiron no epitafio: "Aquí descansa un traidor que se negou a obedecer ó novo goberno". A filla do soldado foino visitar varios días despois, cando xa esmorecera o interese dos medios. Lendo o epitafio sentiu náuseas así que mollou as maus na lama do chan, tapou parte da oración e escribiu cos dedos: "Aquí descansa un home que escolleu a morte antes que entregarse ós inimigos do seu país", engadiu o pequeno debuxo dun cáliz e pregou unha oración. A chuvia non tardaría en esquecer o novo epitafio, mais a terra non esquecía: xa o fixera eterno. 

Sangue de ferroStories to obsess over. Discover now