1. A maldición

13 1 0
                                        

Un vintecatro de xuño de madrugada, pouco despois da media noite, nunha noite de lúa chea, naceu o sétimo fillo dun leñador chamado Brandán.
Era a súa, unha familia moi humilde e que vivían case illados no medio dun escuro e denso bosque. Os sábados baixaban ó mercado a vender a leña que recollían durante toda a semana; tarefa na que hasta os máis cativos colaboraban. Eran xente moi supersticiosa, por iso recibiron moi mal a noticia de que a nova criatura que remataba de nacer era un neno: daquela todo o mundo sabía que o sétimo fillo varón dunha familia acabaría converténdose nun lobishome. E tendo en conta que este nacera nunha das lúas máis intensas do ano, era seguro que acabaría converténdose nunha fera asasina.
A propia lúa o tiña marcado pois tódolos fillos de Brandán, así coma el mesmo, naceran cunha boa mata de cabelo negro coma o carbón coroado cunha mecha de pelo absolutamente branca, pero este rapaz o tiña dunha punta á outra, completamente prateado.
Os seus ollos tamén parecían alleos ós da súa familia, mentres que eles os tiñan verdes, os seus eran dun castaño tan claro que unhas veces parecían vermellos e outras amarelos.
Todo isto arrepiaba a súa nai. Convencida de que criar unha besta coma aquela era un sacrilexio, concluíu que o mellor era deixar que outras bestas se fixeran cargo dela.
Como con toda seguridade, a criatura non sobreviviría, nun insólito acto de piedade, para non negarlle a posibilidade de chegar ó ceo, decidiu bautizar ó neno: coma se facía daquela con todas aquelas criaturas que apenas tiñan forzas para nacer. Púxolle o nome do santo do día: Xoán. Logo envolveu ó neno nun anaco de manta vella e llo dou o seu home para que o levase ó bosque e alí o abandonara.

Xan de Brandán Stories to obsess over. Discover now