A pedra

7 1 0
                                    

Aquilo foi o comezo. Porque as cousas veñen decote encerelladas. Vai un despois desfacendo o novelo ata atopar, pouco a pouco, o cabo do fío. O vivir, con estas reviravoltas, semella un enredo, unha estornela. ¡Se soubésemos todo por adiantado! Aínda que agora penso que igual tivese feito o que fixen. Ou peor aínda. É coma unha pezoña que se xunta nun e non hai maneira de gobernala. ¡Que sei eu!

Manolito era moi ruín. Dicíano todos. Sempre andei o meu camiño procurando non bater con el, pero acirrábame. Tentoume o xenio máis dunha vez e sentín ganas de andarlle coa palla da albarda, como di a madriña. Non podía. Era «o neno do señor». E aturei para non desgustar a meu pai. Os pobres decote perdemos. A xustiza non está da nosa banda. Ben o sabía Manolito. Por iso me alcumaba.

O cura dicíanos na doutrina, que se nos dan unha labazada na fazula esquerda, debemos cometer coa dereita; mais paréceme que non está ben. Algún día hai que arrepoñerse.

Aquela tardiña voltaba eu do prado. Fora tornar a auga. Andara o día enteiro arrendando patacas, doíanme os cadrís. Tiña secura na gorxa e un teimoso proemento nos ollos. Sede, canseira, anguria de ver que a vida non é igual para todos os rapaces.

Cando pasei por diante da casa do señor, coa sacha ó lombo, vin a Manolito no patín, xogaba á «pita cega» cos dous nenos de don Leopoldo, o médico. Don Leopoldo vive en Santiago, pero tanto lle gusta o peixe que no verán vén botar sempre unha tempada á aldea. Para na casa do Americano. Está decote no resío engaiolando troitas, escalos, anduriños. A xente quérelle. É moi boa persoa. E tamén dona Isaura, e os nenos, aínda que a estes botounos algo a perder o Manolito.

—¿Veis aquel harapiento? Es hijo de nuestro casero. Un cagarolas. Un...

Eu detívenme e quedeino ollando. Non ouvín as demais palabras que lle dixo ós compañeiros. Non quixen ouvilas. Comecei a tremer coma un vimbio. Non de medo, de xenreira.

—Vamos a correrlo —ordenou o túzaro de Manolito.

Baixaron do patín e botáronse a valmontes cara ó camiño. Manolito viña diante, berrando. Aínda cheguei a escoitar da súa boca outras aldraxes. Anagueime, collín un cantazo e guindeillo con moita forza. A pedra era coma un paxaro mouro, voando. Tan ben lle afitei que Manolito caeu rebaldado sen dar chío. Vinlle sangrar a cara. Rodeárono os nenos de don Leopoldo. Eu botei a correr. Foi coma se espertase dun pesadelo. As pernas non me daban máis. A secura da gorxa volvéuseme acedume, e sentín friaxe na testa. O sol pareceume unha roda de sangue afundíndose detrás do monte. Unha moza ía por auga; case tropezo nela. Choraba nunha soleira un meniño. Ó lonxe pasou rosmando un carro. Anoitecía. Eu alancaba. Canso de traballar o día enteiro, inda tiña azos para aquela fuxida. Collín medo. O camiño de Brandamo era escuro. Barullaban os grilos. Algúns morcegos pasábanme a rente da pucha. Víñaseme enriba a noite, cos seus medos, as súas curuxas e pantasmas. O corazón bourábame forte no peito. A cada intre revirábame. Escoitaba berros detrás de min, e gallope de cabalos. Poida que me seguisen, aínda que non vin a ninguén.

A tía Estrela é segunda curmá da mamai. Afixéronme a chamarlle tía. Vive soa, en Brandamo, dende que lle morreu o home na guerra.

—¿Quen é? —berrou dende a cociña, logo de escoitar o petador.

—Son eu, tía. Son Balbino.

Quedou abraiada. Conteille o caso de Manolito, do seu atricamento e da pedra.

—¿E magoáchelo moito? —preguntoume, chorosa.

—Non sei. Caeu coma un palloco na beira do camiño. Poida que morrese.

—¡Cala! ¡Non digas tal! Ai, ¡Nosa Señora nos valla!

Eu tiven mágoa da tía, dos da miña casa, de Manolito, e ata de min mesmo. Sentíame un criminoso.

Memorias dun neno labregoWhere stories live. Discover now