Pachín

8 1 0
                                    


Nun tempo disque falaban os animais. Andrómenas. Está ben que se lle conte a nenos da teta, pero non a min que levo rillado catro codias. Todos os días estase a refacer a verdade. Fai unha chea de tempo que non oio falar seriamente do «Anxo da garda», nin dos Reis Magos. E quen sabe cantas cousas máis que hoxe teño por certas irán cambiando en min. Voume afastando do berce, coma quen di.

Boa estaría que os animais falasen coma nós. Os paxaros, o gando, as lebres. ¡Que rebumbio! Talvez se entendan sen conversar, ou non precisarán entenderse. Hai moitos homes e mulleres que parolan na mesma linguaxe e tampouco se entenden.

Miña nai tenme dito que lle gustaría ver, sequera por un intre, o río baldeiro, sen auga. A min, tamén. Pero aínda me houbese chistado máis escoitar un parrafeo entre vacas, porcos ou galiñas... ¡Cantas cousas se cavilan! E todo dende que tiven a Pachín.

Porque Pachín si que falaba. Á súa maneira. Falaba cos ollos, co rabo, coas patas. Eu entendíao tan ben coma se pronunciase palabras. Non parecía un can. Tiña entendemento de persoa.

Antes de nacer eu, tiveran o Rabeno. Déranllo ó padriño en Silleda. Disque era grande, fero, requestado do lobo. Miguel coñeceuno. Pero un día o Rabeno adoeceu e houbo que matalo. Meu pai zorregoulle un tiro coa escopeta, detrás do palleiro.

Pachín era pequenote, marelo. Tiña unha penca no fuciño que lle lucía moi pavera cando trizaba. Gustáballe barullar pola mañá. Un xeito de saúdo. Os seus ladros de chós ían dirixidos ás árbores e ós paxaros. ¡Como se divertía choutando pola eira adiante!

Disque cando un can ouvea é porque venta morte. Pachín nunca ouveaba. Ou tiña mal as ulideiras, ou cicais non lle chistase pregoar enterros. El era alegre, compangueiro. Faltáballe rir. E riría, digo eu, pois en veces recachaba a dentamia coma quen está ledo.

Non había can máis chusco na comarca. A todos lles gustaba. Déranolo o Zoqueiro de Ribán, en pago de terlle cravuñado meu pai unha gadaña. Tróuxeno eu no colo.

— Ha de ser fero —non sei quen dixo—, porque ten negro o ceo da boca.

Pero non acertou. Pachín talvez botase de conta que está mal andarlle trabando as canelas á xente. Alporizábase se o encirraban, mais non era de usar os dentes para atenazar a ninguén.

Cando me deixaban só na casa, xogaba con el. Corriamos xuntos pola horta coma se estivésemos perseguindo coellos. Despois sentabámonos ó pé da cerdeira grande. A min esvarábame a suor polas fazulas, e Pachín folguexaba de présa, coa lingua fóra.

Algúns rapaces sentían envexa. Amoláballes que eu tivese un cadeliño así. Pachín decatouse e resolveu non aturarlle brincadeiras a ninguén. Cando un xalgarete lle guindaba pedras ou o encirraba, íaselle enriba coma un lóstrego, rosmando, cos dentes regañados.

— Non tolees, Pachín —dicíalle eu—. Ti non mordes pero abúralos; méteslles grimos e un día vante derrear.

Pachín poñíame as patas dianteiras no peito, mirábame cos seus ollos grandes e abaneaba o rabo. Era coma se baduase: «Ti déixame, que ben sei o que fago».

Miña tía Carme vai á fonte coa sella todas as mañás. E amais da auga trae decote algunha nova. Un día contou que atopara chorando á muller do ferrador, porque a noite pasada entráralle o raposo no galiñeiro e arramplara con nove galiñas. Primero remexeu nas lousas do cumio, e vendo que a ripa era tupida, deu na estrucia de abrir un tobo por debaixo da porta.

Aquela mañá eu fora co gando á Zanca Vella, e mentres procuraba niños achei nunha toxeira o «depósito» do raposo. As nove galiñas estaban alí, mortas. Darredor había sangue e plumas.

Deixei o gando e fun a valmontes ó lugar do ferrador para contarlle a topadela. Pachín corría á miña beira. Un veciño, que é cazador, dixo que cumpría facer as cousas con moita cautela, pois se o raposo se decataba de que lle deramos co almacén, non habería maneira de vingarse del.

Foron ver o boticario, quen pediu que lle levasen polo menos dúas galiñas. Así se fixo. Cortoulles o pescozo e meteulles dentro un solimán. Pousáronas outra vez na toxeira con mentes de envelenar o raposo. Pero non aconteceu así. Quen apareceu morto de alí a dous días na Zanca Vella foi Pachín; o meu amigo Pachín.

Cando o vin sen alento, estarricado entre unhas queiroas, non quería dar creto ós meus ollos. Como soño tantas cousas, pareceume por un instante que estaba a soñar; que non era certo. Pero non soñaba. Pachín morrera. Caera na trampa que fora arranxada para o raposo.

Tróuxeno do monte. Cunha legoña abrín na horta un burato fondo, alongado, e deille terra ó seu corpo. Coido que chorei. Non me avergoño de dicir que chorei. Fun acochándoo ó xeitiniño coa terra fresca. Coma se o cubrise cunha manta.

A xeito de lousa plantei unha cerdeira derriba do meu amigo. Cando abrollou, coidei ver en cada gromo un ollo ou un dente de Pachín. E pareceume que dende as raíces chegaban uns ladriños agarimosos.

Memorias dun neno labregoحيث تعيش القصص. اكتشف الآن