Eladia

12 1 0
                                    

Un día fun á feira coa tía Carme. Sempre me gustou ir á feira, anque tivese que levar un quino pola trenla ou apandar coa cesta de pexegos que me poñían derriba. Pola noite chegaba canso pero ledo, porque xantabamos con polbo, e no remate mercabamos algunha chilindrada. Esa vez miña tía levoume para que cargase á volta cun feixe de repolos. E máis me valera non ter ido. Cando atravesei a praza do barro, vin a Eladia. Estaba escollendo unhas cuncas de talaveira. ¡Eladia! Se na miña casa souberan... Xa daquela tiven ganas de fuxir. Irme unha noite e voltar cando fose mozo. Cando puidese falar a eito con todos. Co tempo funme esquecendo daquilo ata que, coma quen esnica unha frida, bateron de novo os meus ollos en Eladia. Faltoume pouco para berrar. Marcheime a escape por entre os carros, para que ela non me vise.

Algúns veciños tíñanme preguntado por que deixara de ir á escola.

—Tanto como che gustaba ler.

—Tan boa memoria que tiñas...

—Xa deprendín todo. Non hai máis para onde ir —dicíalles eu en xolda para que calasen.

Hai cousas que non entendo. Talvez teña que medrar para entendelas. Cousas que van aparecendo en min, cousas que vou sentindo a medida que pasa o tempo. Non sei por que pero dáme vergoña falar delas na casa.

Lémbrome do día que cheguei por primeira vez á escola. Levoume miña nai pola man. Don Alfonso, o mestre, anotou nun papel o meu nome, fíxome varias preguntas e sentoume nun banco con outros rapaces.

Eu xa deprendera algo. Coñecía a folla dos cristos e sumaba. Esas pequenas vantaxes gustáronlle a don Alfonso, quen me puxo a estudar deseguida. Non tardei en pasarlles diante a todos.

A escola está no pazo da señora Isaura. Éntrase por un portal que cae en anacos. Hai un curro con plantas de chuchamel e dúas nogueiras moi grandes. As escaleiras do patín son de pedra, con carriza nas xuntas, pola chuvia. É grande a escola, pero está case sempre baldeira. Van poucos rapaces. Ás veces non vai ningún. «Con que deprendan a poñer o seu nome, para fozar na terra abóndalles», di a xente.

Don Alfonso era ruín. Explicaba pouco e zoscaba arreo. ¡Que maneira de mallar e de turrarnos das orellas! A madriña di que «a letra con sangue entra», ou sexa que dá por ben feito o noso amolecemento a xostregadas.

Moitos rapaces lataban; non ían á escola porque tiñan medo. E porque non entendían o falar de don Alfonso. Disque viñera da Andalucía. A min tamén me custaba entendelo. Bulía moito e botaba as palabras polo atallo. Para máis, era roufeño. El tampouco entendía a nosa fala. Por iso se erguía das cuñas, alporizado, e berraba coma se tivese o boubín.

O Xudío, que non llas cala a ninguén, apañou un día a don Alfonso e díxolle de cantas hai.

—¿Vostede pensa que os rapaces son cuxos? ¿Coida que está ben andar a vergallazos con eles? Vaia sabendo, meu señor, que tales asaños acabaránselle axiña. Virán, de vez, as cousas a onde teñen que vir. Se non entende váiase para o seu país. Nós non imos trocar de lingua. E outra cousa: acabe dunha vez de meterlles na cabeza reis e pelexas que non lles serven para nada. Ademais, déixese de ensinarlles rezos e catecismos. A doutrina que a deprendan na casa, se os pais queren. A escola é para o que é. Non hai volta que darlle.

Despois dese responso falou o Xudío con algúns veciños, e anque lle tiñan tirria, déronlle todos a razón. Firmaron xuntos un papel que non sei a onde mandaron, pedindo que levasen da aldea a don Alfonso. E denantes de que pasara un mes xa se fora. Á volta de pouco, chegou Eladia.

Eladia é moi nova. Terá vinte anos, digo eu. Parece mentira que sexa mestra con tan pouca idade. Naceu en Betanzos. E fala galego connosco. Eu deseguida lle collín cariño. Tan agarimosa, tan rideira.

Memorias dun neno labregoWhere stories live. Discover now