A morte

11 1 0
                                    


Unha mañá espertei cos berros anguriados da madriña e da mamai. Berros que aterrecían coma se tivesen lume. Os ecos aparruñaban polas paredes. Ían e viñan rachando o aire. Sentín coma se me esgazasen por dentro.

Morrera o padriño.

O médico adiantáranos que, segundo o mal que padecía no corazón, iríase deste mundo supetamente, sen dar chío, sen sufrir. E debeu acontecer así pois eu non lle escoitara queixa ningunha. E na véspera inda estivera cantaruxando na cociña.

Erguinme da cama coma un lóstrego, pero en vez de saír debruceime no peitoril da xanela, e quedei coma un papón mirando o río. Non sei que tiña que ver o río coa morte do padriño, pero o caso é que alí estiven seguindo cos ollos o fuxir da auga. Talvez sen pensalo estivese comparándoo coa vida da xente. Na escola lera algo diso. Lera que os ríos van dar ó mar, e da mesma maneira, con igual présa, nós alancamos cara á morte. De pensalo ben, dan ganas de chorar.

O sol veu espreguizándose ó xeitiño por derriba do Castro. Axexou primeiro co seu ollo de lume, e logo espargueuse en raiolas mornas sobre o mundo. Nunca observara eu esa estrucia.

Denantes de o sol chegar, todo estaba branco de xiada: o camiño, as leiras, o monte. Pouco a pouco foise derretendo. Tras dela quedou unha tona de lama pegaxenta.

Pasou un carro cantando. Os bois ían antepostos, e detrás, cunha man no chedeiro e na outra unha aguillada, un home esfarrapado, con cariz de fatiga. Era no tempo da labra. O carro ía cargado de esterco ata a orela dos ladrairos. Botaba fume. Na traseira tiña un xeito de parediña feita de chotas. A min gustábame o ulido do esterco e tamén botalo ó carro coa forcada. Cando era un palloco grande, erguíao coas mans ou viña meu pai axudarme.

A madriña seguía laiándose a berros. Daba mágoa oíla. Se fose de noite meteríame medo. Falaba a barullo co padriño, aínda que el, estando morto... Eu quixera non oír, estar lonxe, pero non podía, a menos que me guindase no camiño. Inda bo foi que non se acordaron de min. Ninguén me chamou. E eu seguía alí, cos cóbados no peitoril.

Derretérase a xiada. Pasaron mulleres e homes con legoñas, trollos e angazos ó lombo. Amais de ser a lúa que escollen para que o trigo non bote caruncho, estaba bo día para traballar. Un día de sol ridente e de terra enxoita. Todos rebulían. Uns crebaban cadullos coa cota de raños e sachas. Outros esparexían o esterco coas forcadas. Despois, veña sementar. E deseguida abrían os sucos co arado de pau. As derregadeiras deixaban orelas de soma ás dúas bandas, e con trollos e legoñas viñan outros acochando o esterco descuberto. Os nenos chamaban o gando e escorrentaban as lavandeiras que papaban a semente.

A min gustábame ollar os sucos. Sobre todo os que facía a xente non gaspalleira. Parecían un debuxo, cos seus repinicoques, as súas voltiñas de acordo co ancho e o longo de cada leira. Aquilo era unha arte.

Voltei mirar para o río e a comparalo coa vida. Coa vida de todos. A da xente que facía a labra; a dos que estaban lonxe, ou navegando, ou inda non naceran. ¡Que procesión inmensa é o mundo! Que feira, onde a todas horas chegan uns e outros vanse.

Sentín renxer a porta. Era miña nai. Viña refregando os ollos co mandil. Abrazouse a min chorando.

—¡Ai, neno, que desgraza! Morreu teu padriño.

Eu non souben que dicirlle. Sentino moito porque o padriño queríame. E queríalle eu. Dábame consellos, contábame historias, e nunca foi quen de zoscarme. Ás veces non andaba de chós e eu arredábame del, pero cando pasaban esas tempadas poñíase falador, ledo.

Baixei as escaleiras. A porta da casa estaba aberta; a cociña, chea de xente. Todos dispoñían algo. Quen avisaba o médico e os nosos parentes, quen ía co parte ó xulgado. Un levara o gando a pacer, outro foi tocar as campás. E así todo. Segundo chegaban poñían a man no ombreiro de calquera de nós mentres dicían, con moita aquela, que tamén lles doía a morte do padriño.

Xa tocaran as carreiras. Esa é outra cousa na que teño cavilado. A campá o mesmo vale para reloucar festeira na véspera das romarías, coma para dar a nova dunha morte. Tanto anuncia unha queima como chama para a malla. Ela ten decote o mesmo torgo, pero nós entendemos a súa fala, o ir e vir da súa linguaxe, que unhas veces é leda e outras non tanto.

¡Que rebumbio! Dá gusto ver como todos os veciños axudan. A morte é coma un vencello cordial. Diante dela sentímonos irmáns. E os que non se falaban, fálanse e axudan cando hai defunto. Pero eu non me afago. Todo o dispoñen os de fóra, sen preguntar sequera a meu pai. Entran, saen, cociñan, acomodan o gando. De camiño remexen, saben o que temos e o que non temos, e despois laretan pola aldea adiante.

No cuarto de embaixo velaban o padriño. Metérano nun ataúde escuro, forrado por dentro con tea branca. Vestírono co traxe de garda e cruzáronlle as mans derriba do peito. Nin que estivese durmindo. Non lle tiven chisco de medo. ¿Por que llo ía ter? O que si me deu arrepío foi notar que non folguexaba. Para min era o único sinal de morte.

Sentadas en cadanseu tallo, miña nai e mais a madriña choraban. Eu sentín moita pena, máis por elas ca polo padriño, que á fin xa se fora. A tía pasaba as doas do rosario seguida de veciñas e veciños que estaban por alí. Meu pai camiñaba sen acougo polo cuarto adiante.

Todas as horas do día, dun día longo e teimoso coma un regueiro, eran iguais. Horas de «padrenuestros» chorosos, de xente amiga que nos viña dar o «pésame», coas mans entaleciclas e a canseira da labra debuxada no rostro. Eran futuros cadáveres. «Hoxe por min e mañá por ti», como di o outro. Non se sabe a quen lle tocará despois. A morte non avisa nin escolle. Quen caia caeu, e abur. O padriño, casualmente o padriño, que ás veces semellaba un sabio, dicíame que comezamos a morrer o día que vimos ó mundo, e morremos un chisco cada hora, cada posta de sol... ¡Que cousa!

Pola noite veu máis xente. Botou un rosario Carmela de Lois, que vai a todos os velorios. Logo de cear dixéronme que me deitase, pero non quixen. Prefería estar alí, entre aqueles veciños, cada vez menos alleos. Collera medo. Medo de ir só para o meu cuarto. A madriña tíñame dito que os mortos aparécense. Non puideron facer bo de min. Senteime nun recuncho, na beira do anllar, e alí quedei engruñado, tremendo coma unha xostra.

Pouco a pouco foron vindo case todos para a cociña. Primeiro comeron e beberon a embute, e alí quedaron, sentados darredor da artesa, cos cóbados sobre a tampa. Había mozas e mozos que se beliscaban con disimulo. Alguén sacou unha baralla e comezaron a xogar, de a tres e catro parellas, a canta cousa hai. Cando se fartaron da xogueta déuselles por contar contos. Rían a cachón. Eran os mesmos que bagoxaban e rezaban pola tarde. Eu non entendo as caras do mundo. ¡Que desexos teño de ser grande! Tampouco entendín polo dereito algúns contos. E entre barullo e risadas fun adormecendo ata quedar coma un palloco derriba do tallo.

Soñei co padriño. Tiña unha alma pequerrecha e branca coma unha folerpa, que lle saíu voando da boca. Eu tamén voaba e seguina. Cando a alma se detiña, detíñame eu. Primeiro, no remate do hórreo; despois, no salido, na horta, no curuto dun freixo, no Castro. Voamos e voamos día e noite por entre as nubes e os avións, ata que, ¡cataplás! desapareceu a folerpa. Eu perdín as ás e comecei a descender a chupe. Dende alá enriba vin a aldea ensumida, o río (que parecía un regueiriño), as leiras. Tiña por certo que me ía esfachicar, pero o chan arredábase, arredábase. Ata que oín uns berros irtos e doridos...

Espertei alporizado. Estaba na miña cama. Alguén levárame no colo. Entraba o sol polas regañas do taboleiro. Os berros eran da tía Carme e de mamai que despedían o corpo do padriño. Dende a xanela vin diante da porta unha chea de xente. Veciños con roupa de garda, que ían para o enterro.

—«Tam, tam... tem» —a campá da igrexa chamaba; sempre chama: festa, incendio, morte...

Coma na véspera, quedeime a cavilar, na soidade do meu cuarto. Pensei nos desacougos da xente; na teima da súa loita para xuntar diñeiro, mercar terras, pasar fame hoxe con mentes de fartarse mañá, e ó mellor ese mañá non chega, ou sorpréndeos debaixo dos terróns, mantendo vermes.

Na guerra disque morren homes coma moscas. Morren desfeitos pola metralla. Iso ponlle a calquera os pelos de espeto, e moitos non se decatan de que na aldea tamén caemos. Non se pelexa con soldados, pero lóitase cos trafegos da vida e coas doenzas do corpo. Morremos loitando. Non dunha asentada coma na guerra, pero no adro hai decote terra revolta. Cando nacen herbas ó pé dunha lápida, a peta do enterrador remexe noutra.

¡Se puidese entender moitas cousas! Ou falar tan sequera delas; contarlles ós demais as miñas cavilacións. Pero xa o teño feito e rínseme. E a min dóeme. Dóeme que a xente ande polo mundo como andan as vacas e os burros: procurando soamente o pesebre.

Memorias dun neno labregoWhere stories live. Discover now