14 de Outubro - Proxecto Norte

13 3 1
                                    

De como Amelia se namora:

Era unha tarde de verán, na mesma praza que días atrás, coa mesma viseira na cabeza. Amelia vendía xeados. Non era o soño da súa vida, por suposto, pero quería gañar cartos pola súa conta e a venda de xeados presentáraselle coma unha oportunidade. Amelia vivía nunha casa moi grande, cuns xardíns preciosos que un experto xardineiro, só un máis dos empregados da casa, coidaba tódolos días.

En realidade, Amelia non tería por que necesitar cartos, súa nai contaba cunha fortuna importante; se os quería era porque estaba cansa de vivir baixo a súa sombra. Vender xeados non daba moito diñeiro, pero facíaa sentirse útil, porque estaba conseguindo algo por si mesma, por pouca cousa que parecese.

Ás seis da tarde, un mozo de non máis de vinte anos sentou nun dos bancos da praza, como levaba facendo dende semanas atrás. Levaba gafas, un libro na man e un paraugas. Si, un paraugas en verán. Ao principio fora tan só unha persoa máis entre a multitude, pero a medida que os días pasaron e Amelia se acostumou á súa presenza, pasou a formar parte da paisaxe que a rapaza recordaría das súas semanas como vendedora de xeados.

Esa paisaxe compoñíana o sol abrasador, o señor Manolo (o seu xefe), a praza, os nenos correndo dun lado para o outro, os xeados, o recendo a flocos de millo do cine do lado e tamén o mozo sentado no banco.

E a chuvia.

Porque aínda que o verán é coñecido polas súas altas temperaturas, de cando en vez unha tormenta déixase caer. E a tormenta apareceu ese día, de súpeto, mentres Amelia, cun sorriso amigable, pousaba unha bóla de chocolate sobre o cornete que lle pedira unha rapaza.

Chuvia, e ademais intensa.

A rapaza do xeado botou a correr na procura dun lugar no que refuxiarse, o mesmo que fixeron tódolos transeúntes, incluído o mozo do banco. Amelia, por desgracia, tivo primeiro que recoller o posto móbil para despois empuxalo a cuberto. Levoulle uns minutos chegar a unhas galerías e para entón xa estaba completamente empapada.

Parte dos conos de xeado estaban mollados, pero preferiu non pensar en que ese día xa non podería vender nada máis. Sentouse no chan, apoiando o lombo no carriño, e pechou os ollos. Unha gota esvaroulle pola cara. Sería tan fácil como chascar os dedos e pronunciar unhas palabras para facer desaparecer a humidade, incluso para recuperar o día solleiro, por algo era unha bruxa. Pero non o fixo. Deixou que un charco se formase ao seu redor; gañar uns euros máis ese día non marcarían moita diferenza.

E, sobre todo, estaba bastante cansa.

Cando abriu os ollos de novo, decatouse de que o mozo das gafas, o libro e o paraugas a observaba desde o outro lado da galería. El apartou a mirada rápido, Amelia baixouna amodo ata chegar ao seu regazo e contemplar o mollada que estaba a súa roupa. Suspirou e púxose de pé; estaba tremendo. Buscou un trapo nun dos compartimentos do carro e comezou coa tarefa de secalo un pouco. Non lle pasou desapercibido como o mozo camiñou ata a entrada das galerías para comprobar se a chuvia amainara. Tampouco ignorou como abriu o paraugas con intención de marchar.

Cando se fose, volvería a formar parte desa paisaxe estival que Amelia levaba semanas compoñendo. Só que, no último momento, cerrou o paraugas e foi directo cara a ela.

—Podo botarche unha man?

Amelia, como non, díxolle que non era necesario, con ese sorriso co que lles mostraba a todos que o tiña controlado incluso cando non era así. El insistiu antes de que a conversa se desviase aos xeados, ao verán e incluso ao libro que o mozo levaba na man. Para Amelia, eses escasos minutos falando con el significaron máis do que podería parecer: un dos personaxes da súa paisaxe acababa de romper a barreira invisible que os separaba. E tiña a sensación de que talvez ela non fora a única que se dedicara a observar a praza en detalle nos últimos días.

Ese pensamento arrincoulle un inesperado latexo ao seu corazón.


Oops! This image does not follow our content guidelines. To continue publishing, please remove it or upload a different image.
Escritos varios de OutonoWhere stories live. Discover now